Da relixión contra a raza á relixión da raza. Outra lectura do nacionalismo bretón a comezos do século XX
Résumé
En setembro de 1918, ao saíren dunha reunión de Acción Francesa, un estudante de arquitectura e un antigo combatente de 22 anos fundan o Grupo Rexionalista Bretón, ao cal, varios meses despois, lle brindan, á guisa de órgano de difusión, una modesta folla bautizada Breiz Atao !, o que era a súa tradución bretoa de «A Bretaña sempre!». O GRB, ao que logo se sumaron unha quincena de mozos, preséntase como «grupo de vangarda que se propón traballar activamente pola renacenza da Patria Bretoa». Isto é, en efecto, o que será o grupo dun fin de guerra a outro, de 1918 a 1944, despois de mudar a Partido Autonomista Bretón e, con posterioridade, a Partido Nacional Bretón, tras catar case todas as experiencias políticas do seu tempo e, de feito, como un pode figurarse, tras coñecer menos altos que baixos.
Existen algúns trazos, entre outros, que permiten caracterizar tal fraca tropa de activistas. Para empezar, forman parte da xeración sen sorriso, daqueles fillos da gran guerra que, marcados moi cedo pola política, medraran prematuramente. Un deles, Olier Mordrel, é quen, desde a súa adolescencia, de corrixir os erros que comete un xornalista do Matin ao evocar as razas dolicocéfalas e braquicéfalas. Estes rapaces, entregados ao combate, atópanse no armisticio privados daquilo que lle dera sentido a toda a súa existencia durante máis de catro anos. Esa xeración sen sorriso é, igualmente, unha xeración inútil que, frustrada por non coñecer a experiencia insubstituíble do fogo, acha no compromiso político algo co que vivir con intensidade, co que explorarse a si mesma. Este verdadeiro «complexo de Marte explica, en gran parte, as conflitivas relacións destes rapaces cos seus pais, que si combateran e cuxo sacrificio xera unha débeda de sangue. Negarse a honrala é cuestionar a filiación e mesmo reflexionar sobre a raza que un imaxina encarnar. Nun sentido máis amplo, non apoiar o heroísmo destes combatentes leva os mozos militantes bretóns a imaxinar que, se o pobo da Bretaña fixo a guerra con uniforme francés, é que dexenerou. En consecuencia, as relacións entre relixión, raza e nacionalismo bretón non poden senón ser complicadas, na medida en que a Igrexa católica, que ten un ascendente fortísimo na Bretaña, é considerada polos nacionalistas como responsable do declive desta terra por favorecer a Unión Sagrada, é dicir, o afrancesamento dos bretóns, que é tanto como dicir a súa dexeneración. Xa que logo, a «renacenza da Patria Bretoa» é, para os mozos de Breiz Atao, unha tentativa de rexenerar a raza mediante o combate e de a guiar cara a unha nova idade de ouro terrea. Nunha Bretaña católica, aínda atenta aos preceptos dunha Igrexa para a cal non se podía coñecer idade de ouro ningunha noutro lugar que no ceo a través da redención, como podía facerse tal? […]